Tuesday 21 de May de 2024

A conselleira do Medio Rural valorou co presidente de Ternera Gallega os datos históricos desta IXP en 2014 e as boas previsións para 2015


As expectativas para 2015 son moi favorables, pois prevese un incremento do 2% en relación ao 2014, que xa foi un exercicio record en canto ao crecemento deste selo de calidade

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse co presidente de Ternera Gallega, Jesús González, para valorar os datos desta Indicación Xeográfica Protexida correspondentes a 2014 (cifras record de crecemento) e de 2015, que a falta do peche definitivo apuntan tamén uns moi bos resultados.

Así, segundo lle comunicou o máximo responsable da IXP á conselleira, está previsto que en 2015 se rexistre un incremento da carne amparada de arredor do 2%, o que supón uns 400.000 kg máis de produto que no anterior exercicio. No 2014 comercializáronse baixo o amparo desta IXP máis de 18.600 toneladas de carne, o que supón un incremento do 8% con respecto a 2013.

Esta xuntanza serviu tamén para enviar á sociedade en xeral unha mensaxe de tranquilidade sobre os beneficios do consumo de carne galega de calidade. Así, ambos coincidiron en manifestar a súa aposta por unha alimentación variada e equilibrada, que incorpore produtos frescos e garantidos, entre os que a carne galega certificada destaca polas súas positivas cualidades.

O informe presentado á conselleira reflicte tamén que o número de tenreiros rexistrados nesta IXP superou as 120.000 cabezas, cun medre do 4,6% en relación ao exercicio anterior. Creceu ademais nun 4,6% o número de canais certificados, que se situou en máis de 85.000. O documento recolle ademais que o valor económico en primeira venda da produción amparada pola IXP superou os 108 millóns de euros, un 9,5% máis que en 2013, e que esta carne comercializouse en máis de 1.300 establecementos.

O número de explotacións inscritas na IXP incrementouse nun 4% con respecto ao ano anterior, situándose nas 7.670. Así mesmo, medrou a cifra de industrias inscritas, que quedou en 82 (no 2013 había 75).

Establecementos
Con respecto aos establecementos con imaxe corporativa de Ternera Gallega, o número total deles no 2014 foi de 1.335, rexistrándose tamén un aumento respecto ao 2013, debido á expansión territorial das cadeas que comercializan produto con este selo de calidade. O seu consumo repártese entre Galicia (45%), o resto de España (54%) e a exportación (1%), rexistrándose un incremento significativo no 2014 en Castela León. Neste sentido, cómpre destacar que Ternera Gallega significa arredor do 52% da carne que se comercializa en España con IXP. Ademais, segundo varias enquisas, é a carne máis valorada polos consumidores.